O Peque Coro e a Música pola Paz
No seu estreo, apenas 20 nenos e nenas, con Catuxa Pita Evia, pianista e directora do Peque Coro, encheron de ilusión o escenario do noso auditorio. Pouco despois, incorporouse como pianista Alexandra Pita, formando xunto con Catuxa, o equipo perfecto para levar adiante o marabilloso proxecto do Peque Coro, cunha ilusión que non parou de medrar en ningún momento ata que a pandemia chegou.
Foron pasando os anos, dez para ser exactos, e o Peque Coro nunca faltou aos concertos de Música pola Paz, celebrando o 30 de xaneiro do 2020 o X Música pola Paz e o décimo aniversario do Peque Coro.
Cada 30 de xaneiro o Peque Coro tiña un dos seus concertos máis especiais de todo ano. Concertos se cabe máis especiais, ao estrear obras de amigos e compañeiros como Begoña Álvarez, Lucinio Medel e Alma Cendán.
Chegou o Día da Paz e encóllesenos o corazón a todos, sabendo que este ano non puido ser, mais haberá máis música pola paz e máis peque coro, abofé que si!
Grazas Catuxa e Alexandra, pola vosa inmensa ilusión e dedicación, grazas á cal, nenos e adolescentes deciden voluntariamente ir cantar os venres pola tarde despois de toda unha intensa semana de traballo. Esa capacidade de motivación, só é posible cando as cousas se fan de corazón. A vosa ilusión a reciben os pequenos en cada ensaio, e o público e as familias emocionadas, en cada actuación. É todo un privilexio e un orgullo para o conservatorio, contar cun proxecto da grandeza do Peque Coro, no que valores como o respecto, a integración, a solidariedade, a amizade, o traballo en equipo… acadan metas que van moito máis aló da dimensión musical.
Rematamos recordando unha frase dunha canción interpretada polo peque coro nun deses concertos, A Ronda do Soldadiño:
Os meninos lindos não nascem para fazer mal!
Comentarios
Publicar un comentario