Música Mestra! Concertos polo Día da Muller 2022

 

O pasado mércores día 9 de marzo, tiveron lugar os concertos polo Día da Muller, na que participou alumnado e profesorado do centro. 

O primeiro recital comezaba ás 17:00 h coa actuación de dúas profesoras do conservatorio, Inés Picado -profesora de viola- e Paloma Bello - profesora de piano - que nos interpretaron unha fermosa romanza da compositora Clara Schumann. A continuación foi a quenda do alumnado das especialidades de piano e violín, que nos interpretou música de compositoras de diferentes épocas, como Fanny Mendelssohn, Marie Jaëll, Natalia Baklanova e Maria Theresia von Paradis entre outras. 

O segundo recital das 18:00 h, estivo protagonizado tamén por alumnado de piano e violín, no que se interpretou música de compositoras moi queridas para o Xan Viaño. Tivemos a sorte de poder escoitar a peza Polbo de Sofía Oriana Infante e Homertòk Tanz de Ermitas García Ríos, ambas profesoras de Fundamentos de composición do noso conservatorio. No programa tamén estaba a peza Meniña Balteira de Julia Mª Dopico Vale, compositora que tivo a xentileza de asistir ao noso recital e á que agradecemos enormemente a súa presenza. 





Dende o Equipo de convivencia sentímonos moi orgullosas destas máis de dúas horas de música de mulleres, froito da gran implicación do profesorado e alumnado. Cabe destacar tamén a gran asistencia de público aos recitais, un público moi importante e necesario, que da sentido a todas estas iniciativas.

Moitísimas grazas ao alumnado e aos seus profesores e profesoras Iria Rico, Miguel Sancho, Judith Fernández, Raquel Paz, Alexandra Pita e Alma Cendán. Moitísimas grazas ás profesoras Inés Picado e Paloma Bello pola súa participación como intérpretes e a Jorge Genó, profesor pianista acompañante do alumnado de violín.

Foi toda unha tarde especial de música de mulleres, como Amy Beach, Cecile Chaminade, Lili Boulanger, Sofía Gubaidulina, Jacquet de La Guerre...  mulleres que loitaron polo seu soño de ser compositoras e ás que onte no Xan Viaño, lles rendemos a nosa humilde e querida homenaxe.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Orquestra do Xan Viaño con Música Mestra!

O alumnado de frauta do Xan Viaño co 8M

Música Mestra!